Celebramos o “Día de Rosalía”.

cartel Rosalía

Rosalía de Castro naceu o 24 de febreiro de 1837 en Santiago de Compostela. É por iso que se escolleu esta data do 24 de febreiro para lembrar a esta galega universal. No instituto delebramos o día facendo murais que nos recordaron os seus versos e un recital coa súa poesía.

Quixera traer a este blog de lectura un fragmento do manifesto que sacou para este día a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Podedes ler todo o manifesto na seguinte ligazón: Manifesto da AELG.

“Rosalía de Castro: aquela que nos deixa en herdo un feixe de versos como toxos e silvas, xurdidos dunha gándara onde inzan a angustia e a carraxe. Porque ninguén coma ela soubo expresar os enigmas da condición humana, as dúbidas existenciais que nos acosan, as contradicións da alma, a saudade e a soidade. O río da vida que pasa e flúe polas brañas de Laíño, co seu maino rebulir, camiño das torres do Oeste.

Non reduzamos esta homenaxe a un canto fúnebre; pois Rosalía de Castro non debe ser nunca unha escusa para a solemnidade académica arredor dun cadaleito; ela debe ser sempre outra cousa, unha forza rabuda que move os marcos da literatura para levarnos máis lonxe de nós mesmos. Alguén que, se vivise neste século XXI, seguiría a denunciar a todos aqueles que, baixo a máscara da honradez, pretenden converter a lei en atadura, o corpo en cárcere, a liberdade en servidume.

E por iso Rosalía de Castro segue a convocarnos, a emocionarnos, a transformarnos por dentro.

E non esixe ritos de adoración. Simplemente, unha lectura plural e sen ataduras”.

Parabéns a todos os participantes nas actividades deste día!

Aquí tedes uns vídeos do acto:

Exposición na biblioteca de bibliografía rosaliana


Exposición na biblioteca de bibliografía rosaliana